Dous proxectos sitúan a Carballo na vangarda da arquitectura ibérica

2 minutes read

Dous proxectos impulsados polo goberno local foron seleccionados para a 68ª edición dos Premios FAD (Fomento das Artes e do Deseño), os galardóns máis lonxevos e recoñecidos da península Ibérica que distinguen a excelencia na arquitectura e o urbanismo.

Este anuncio marca o inicio dun calendario clave para o urbanismo carballés. Tras esta primeira selección, o xurado oficial fará pública a lista definitiva de finalistas entre o 15 de maio e o 1 de xuño, como paso previo á gran cerimonia de entrega de premios que terá lugar o 17 de xuño no prestixioso Disseny Hub de Barcelona.

Nesta edición, Carballo destaca por partida dobre en categorías estratéxicas, o que demostra que a calidade arquitectónica non entende de escalas.

“Que Carballo compita de ti a ti coas grandes capitais ibéricas nos Premios FAD é a proba de que a arquitectura de vangarda e a calidade urbana non teñen por que quedar nos centros das cidades. Para nós é un orgullo que proxectos en Xoane ou Vilela sexan hoxe un referente de como transformar as nosas parroquias en espazos máis amables, modernos e orgullosos da súa identidade”, sinalou o alcalde, Daniel Pérez.

De feito, estar seleccionado nos Premios FAD supón superar unha esixente criba entre centos de propostas de España e Portugal.

Arquitectura con alma en Xoane

Na categoría de Arquitectura, o xurado seleccionou o Centro Social de Goiáns, situado en Xoane, unha obra asinada polos arquitectos Miguel Fernández-Galiano Rodríguez e Laia Cervelló Sabaté. O proxecto destaca pola súa funcionalidade e pola creación dun espazo de encontro veciñal que combina modernidade e respecto polo entorno. O traballo, que contou coa colaboración de especialistas en enxeñaría e deseño, logrou converter un servizo público, que, precisamente, será inaugurado o vindeiro 2 de maio, nunha peza arquitectónica de referencia.

Excelencia no espazo público en Vilela

Pola súa banda, na categoría de Cidade e Paisaxe, o proxecto seleccionado é a Praza do Pombal de San Miguel de Vilela, obra do recoñecido arquitecto Carlos Seoane González. Esta intervención supón unha recuperación exemplar do patrimonio e do espazo público arredor da igrexa parroquial, integrando o antigo pombal nun tecido urbano máis amable e accesible para a veciñanza.

Premio a un modelo de xestión

O feito de que o Concello de Carballo figure como promotor nos proxectos seleccionados reafirma a estratexia de transformar o municipio a través de intervencións que priorizan a calidade de vida, a estética e a sustentabilidade. E, ademais, as dúas obras foron executadas por empresas locais, unha mostra máis da calidade que distingue o sector da construción no concello.