Dúas persoas morreron este mércores nun accidente de tráfico ocorrido nun cruce da parroquia de Escuadro, no municipio pontevedrés de Silleda, tras chocar dous vehículos na estrada N-640.
Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse sobre as 15:20 horas no quilómetro 185 da vía. Un particular foi quen alertou aos servizos de emerxencia.
Ao lugar desprazáronse profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Santiago, así como os Bombeiros do Deza, a Garda Civil e a Policía Local.
O persoal sanitario confirmou o falecemento das dúas persoas, un matrimonio de octaxenarios que viaxaban no mesmo coche. O condutor do outro vehículo resultou ferido e foi trasladado ao centro de saúde.