Dúas persoas tiveron que ser atendidas polo persoal do vehículo sanitario que o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazou a Laxe, concretamente, a unha casa situada no lugar de Mordomo, en Traba.
As dúas persoas resultaron afectadas pola inhalación do fume provocado tras arder un deshumidificador que estoupou e estendéndose as lapas a un armario. Ardeu un salón e tamén se viu afectada polo fume o resto da vivenda. Con todo, as dúas persoas afectadas non precisaron ser trasladadas.
Ás dúas e media da madrugada deste martes, un particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que ardía a casa do veciño. Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Carballo, á Policía ao GES de Ponteceso e aos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Laxe.
Xa no punto, tras extinguir as lapas, os Bombeiros confirmaron a orixe do lume nun deshumidificador que calcinou o salón e que toda a vivenda quedara afectada polo fume.