Dúas persoas trasladadas ao hospital tras chocar a súa embarcación contra unha batea na Illa de Arousa

1 minutes read
  • Os ocupantes agardaron os medios de rescate enriba da batea.

Ás 21:50 horas deste sábado, un dos implicados chamou ao 112 Galicia, explicando que unha menor resultara ferida na cabeza. Os ocupantes, catro en total, navegaban a bordo dunha embarcación de recreo cando chocaron contra unha batea fronte a Pena Cabalo, na Illa de Arousa.

Nada máis recibir o aviso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, Servizo de Gardacostas de Galicia e Garda Civil.

Pouco despois, desde Salvamento Marítimo informaron que estaba mobilizada unha das súas embarcacións. Por parte do Servizo de Gardacostas de Galicia tamén se enviou o helicóptero de rescate Pesca I.

Con todo, foi unha embarcación aduaneira a que recolleu finalmente a tres dos afectados e levounos a terra, tralo que dous deles foron evacuados ao Hospital do Salnés.

Salvamento Marítimo fíxose cargo de remolcar a embarcación ata Vilanova de Arousa, xunto cunha última persoa que agardara no seu interior.