Eclipse | O día volveuse escuro 114 anos despois

2 minutes read

114 anos. Ese é o tempo que tivo que esperar España para volver contemplar unha eclipse total de Sol. Este mércores 12 de agosto, a Lúa ocultou por completo o disco solar entre un e dous minutos mentres a súa sombra cruzou o país desde Galicia ata as Illas Baleares. O fenómeno mobilizou a miles de afeccionados, científicos e turistas, que se desprazaron á franxa de totalidade para presenciar un dos acontecementos astronómicos máis importantes das últimas décadas.

A totalidade comezou segundos despois da 20.26 hora peninsular en Estaca de Bares, cando a Lúa empezou a ocultar por completo a estrela, ofrecendo o apoxeo deste evento astronómico. A franxa de totalidade continuou penetrándose na península ibérica cruzándoa de oeste a leste, pasando por numerosas capitais de provincia, desde A Coruña ata Palma e incluíndo León, Palencia, Santander, Bilbao, Zaragoza, Teruel, Lleida ou Valencia. Segundo datos do Instituto Xeográfico Nacional, Formentera foi o último punto en despedir a eclipse total, ás 20.33:58 hora peninsular.

En boa parte da Costa da Morte as nubes dificultaron a visión, e con miles de persoas pendentes que sentiron a escuridade, pero non puideron ver o aro ao estar o ceo encapotado.

O 112 Galicia xestionou 600 incidencias no día do eclipse sen rexistrar incidentes relevantes

Desde as 12 e ata as 23 horas deste mércores, o 112 Galicia xestionou un total de 624 incidencias, mentres que o número de chamadas atendidas polos xestores e xestoras do CIAE ascendeu a 1.842. Porén, ningunha destas incidencias tivo relación co fenómeno.

A xornada transcorreu con carácter xeral sen incidencias relevantes nos distintos puntos de observación, a pesar das concentracións de persoas e vehículos, especialmente en zonas costeiras, praias ou miradoiros e puntos elevados das provincias da Coruña e Pontevedra, así como nalgúns puntos de Lugo e Ourense. As principais afeccións estiveron relacionadas coa saturación dos aparcadoiros e dos accesos.

En canto á mobilidade, rexistrouse tráfico intenso e retencións puntuais en diferentes vías, principalmente na AP-9 e na A-54, así como nalgunhas estradas secundarias. Unha vez rematada a eclipse, tamén se produciu tráfico intenso nas vías de regreso aos puntos de orixe dos visitantes.

No ámbito sanitario, rexistráronse 19 consultas. En total, oito persoas precisaron ser trasladadas a un hospital.