En marcha en Zas a oitava edición do programa da Universidade Sénior da UDC na Costa da Morte

2 minutes read

O Centro Sociocultural de Baio acolleu a presentación da 8ª edición do Programa de Democratización do Coñecemento da Universidade Sénior da Universidade da Coruña (UDC), unha iniciativa formativa dirixida a persoas maiores de 50 anos da Costa da Morte.

Zas foi o primeiro concello da comarca en contar con este programa, que ata ese momento só se impartía nas cidades da Coruña e Ferrol, consolidándose como referente na extensión da formación universitaria ao rural. Nesta nova edición, 81 persoas participan nesta proposta educativa, procedentes dos concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Laxe, Vimianzo e Zas.

O programa estrutúrase en tres módulos compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da UDC. As actividades celebraranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.

Ao acto de inauguración asistiron a directora da Universidade Sénior, Matilde García; a adxunta á dirección, Susana Iglesias; e o alcalde de Zas e presidente do GDR Costa da Morte, Manuel Muíño.

Durante a súa intervención, Matilde García destacou “o valor moi especial deste proxecto”, sinalando que “cada vez hai máis interese, o que demostra que o programa ten futuro”. A directora quixo agradecer especialmente “as axudas dos concellos, neste caso a do Concello de Zas, xa que colaboran financeiramente dun xeito moi importante; o apoio económico é fundamental”, así como a implicación e disposición do alcalde.

Pola súa parte, Manuel Muíño puxo en valor a elevada participación nesta edición: “81 persoas aquí é un éxito; temos que ter en conta que nós temos 4.200 habitantes. Por exemplo, Betanzos ten 120 alumnos con 13.000 habitantes; para igualarnos a nós terían que ter 240 asistentes, por poñer en valor a magnitude e o éxito que temos aquí”.

O rexedor lembrou tamén os inicios do programa na comarca: “Cando empezamos isto soaba moi difícil, como que tiña que estar na Coruña ou en Santiago, e hoxe en día está aquí e en moitos outros concellos”, poñendo en valor todo o esforzo e o traballo realizado ao longo dos anos nesta iniciativa, que xa é toda unha realidade.