Encontro do Club de Lectura de Adultos con María Oruña, no IES de Baio, arredor de O albatros negro

2 minutes read

O persoal do centro agrdecíalle fondamente a María Oruña a súa visita para falar da súa última novela, O albatros negro. Publicada en marzo de 2025, a obra converteuse no número 1 en vendas e vai xa pola cuarta —ou mesmo quinta— edición. Ademais, foi lanzada tamén en Hispanoamérica, consolidando o éxito internacional da autora.
O albatros negro é un thriller que entrelaza misterio e historia cunha ambientación fascinante na ría de Vigo. A novela lévanos ao presente, onde a historiadora naval Lucía Pascual investiga un tesouro perdido desde a mítica Batalla de Rande. Antes de concluír o seu traballo, aparece morta en circunstancias sospeitosas, e o caso pasa ás mans do subinspector Pietro Rivas e da inspectora de Patrimonio Nagore Freire.


Paralelamente, a narración transpórtanos ao século XVIII, en plena Guerra de Sucesión Española, onde coñecemos a Miranda de Quiroga, unha muller adiantada ao seu tempo, entomóloga, intelixente e sensible, que loita por atopar o seu lugar nun mundo dominado polos homes. A súa historia entrelázase coa do lendario galeón Albatros Negro e cos acontecementos que rodearon o afundimento dos galeóns cargados de tesouros na ría.
A obra destaca pola súa coidada documentación, pola riqueza dos escenarios —desde o Vigo actual ata o Vigo de 1700, pasando por Rande e Redondela— e por uns personaxes memorables, tanto no pasado como no presente. Especial mención merece o veleiro futurista White Heron, inspirado nun impresionante iate real que a autora viu na ría de Vigo, e que se converte nun espazo clave na trama.


A novela conta cunha estrutura de dúas liñas temporais afastadas no tempo, habilmente entrelazadas, e cada capítulo ábrese cunha cita literaria que engade profundidade e contexto á historia. A portada, suxestiva e simbólica, amosa unha bolboreta sobre un mar axitado e unha tormenta no horizonte, evocando tanto a entomoloxía —presente na trama a través de Miranda— como o misterio e a aventura mariña que envolve o título.


Durante o encontro, abordáronse cuestións como:


•De onde xorde a idea do tesouro, do albatros e da cidade de Vigo como escenario?
•Como foi o proceso de documentación histórica?
•Que hai de real nos personaxes do século XVIII?
•Representa Miranda unha homenaxe ás mulleres pioneiras na ciencia?
•Existe realmente un tesouro na ría?
•Foi esta a novela coa que máis gozou escribindo?
•Haberá novas historias protagonizadas por Pietro e Nagore?
•En que proxecto está a traballar actualmente?

Unha conversa apaixonante para afondar nunha novela que combina intriga, historia, memoria e mar, e que nos convida a redescubrir Vigo e a súa ría con outros ollos.