O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, entregou este sábado as Medallas Castelao 2025. O grupo Luar na Lubre, o escritor Víctor Freixanes, o empresario Emilio Pérez Nieto, a médico de familia Rosa Rodríguez Álvarez e a Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) foron condecorados coas Medallas Castelao, «un dos recoñecementos máis importantes que outorga a comunidade galega», segundo destacou o propio presidente, Alfonso Rueda.
No inicio da súa intervención, Rueda, reivindicou a pluralidade como «unha das grandes fortalezas» da sociedade galega e defendeu que as Medallas Castelao, efeméride que este ano coincide co Ano Castelao, «demostran que a identidade galega non está marcada polo conflito, senón polo acordo».
Recoñecemento aos premiados
O xefe do Executivo autonómico felicitou aos galardoados este ano coas Medallas Castelao, a quen atribuíu méritos fundamentais para reforzar a cultura, a historia e a esencia do pobo galego. Referiuse ao grupo Luar na Lubre, como exemplo de modernización da música tradicional e de proxección internacional da identidade galega, e como un grupo “esencial para lograr que os galegos nos percibísemos e fósemos percibidos como herdeiros dunha tradición milenaria, a tradición celta”.
Tamén recoñeceu a Víctor Fernández Freixanes polo seu papel de impulsor da lingua e cultura galegas, tanto desde a súa traxectoria literaria como pola súa xestión á fronte da Real Academia Galega, remarcando que “chamarlle escritor é xusto pero é quedarse curto”.
Ademais, enxalzou o percorrido empresarial de Emilio Pérez Nieto na dirección de Pérez Rumbao, ao que sinalou como referente do esforzo e da profesionalidade que caracterizan ao empresariado familiar galego, “sen esquecer nunca as esencias, con ese orgullo da empresa familiar”.
Rueda tamén resaltou o traballo de Rosa Rodríguez Álvarez como “símbolo da atención primaria humana e próxima que todos temos á obriga de construír”. A doutora recibiu o galardón en nome de todos os profesionais da atención primaria: “Ese edificio colectivo que é o noso sistema sanitario debemos valoralo como o que é, un auténtico tesouro”, remarcou o presidente.
Por último, encomiou o labor da Asociación Agaela e do sistema galego de coidado, reflectido no apoio ás persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA), ámbito no que Galicia foi pioneira en España, e que ten que ser “unha loita de todos”. A medalla a recibiu a vicepresidenta de Agaela, Susi Seoane, cunha intervención “que nos encheu a todos de emoción”, en palabras de Alfonso Rueda.