O xerente da Sociedade Xestión do Solo de Galicia (Xestur), Diego Toja, avogou este martes en Carballo por seguir modernizando os parques empresariais de Galicia para responder ás necesidades actuais das empresas e mellorar a súa competitividade.
Diego Toja participou no acto de entrega do Distintivo Polígono Empresarial de Calidade ao parque empresarial carballés de Bértoa onde puxo en valor que este polígono supón un dos plans industriais máis importantes da provincia da Coruña para atraer novas industrias e xerar máis riqueza e emprego na comarca de Bergantiños.
Nesta liña, lembrou que a Xunta xa ten en marcha a segunda ampliación do polígono que permitirá atender as demandas das empresas que precisan medrar, como tamén as de aquelas que queren instalarse alí. Esta actuación permitirá incorporar preto de 630.000 m2 cun investimento estimado de 29 millóns de euros. A previsión é licitar as obras o vindeiro ano 2027.

O Distintivo Polígono Empresarial de Calidade, outorgado pola Coordinadora Española de Polígonos Empresariais (Cepe), recoñece a calidade e o compromiso das áreas empresariais coa mellora continua. Bértoa é o segundo polígono de Galicia -despois do de Agrela- en obter esta distinción coa que se sitúa entre as áreas empresariais de referencia a nivel nacional.
