Evacúan un menor cunha perna ferida tras un accidente cun tractor en Carballo

1 minutes read

Ás 16:45 horas, un particular contactou co 112 Galicia para informar de que un tractor acababa de pasar por enriba da perna dun neno nunha finca situada no lugar do Paraíso, na parroquia de Berdillo (Carballo).

Segundo indicaron, o menor circulaba no vehículo agrícola acompañado dun familiar cando caeu ao chan e unha das rodas do tractor pasoulle por enriba dunha perna.

De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activou o protocolo correspondente e solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 —que mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago—, así como da Garda Civil, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil de Carballo.

Aínda que o helicóptero chegou a desprazarse ata o punto do accidente, finalmente o menor foi evacuado consciente en ambulancia a un centro hospitalario.