O único ocupante do turismo de 42 anos de idade perdeu a vida no accidente, mentres que os ocupantes do autobús, na súa maioría menores de idade, resultaron ilesos.
O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 16:35 horas deste mércores, cando o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou dun accidente grave entre un turismo e un autobús na PO-510, á altura do quilómetro 11, ao seu paso por Alxén, no concello de Salvaterra de Miño. Desde o primeiro momento apuntouse á posibilidade de que o condutor do turismo estivese falecido.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Porriño e Ponteareas, así como aos axentes da Garda Civil e da Policía Local.
Unha vez no lugar, confirmouse o falecemento do condutor, que se atopaba atrapado no interior do vehículo. Foi necesaria a intervención dos bombeiros, que empregaron material de excarceración para a súa liberación. Pola súa banda, todos os ocupantes do autobús, maioritariamente menores de idade, resultaron ilesos.