- As residencias que cumpran os requisitos expostos poderán comezar coa etapa 1 o vindeiro 18 de maio
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres na rolda de prensa do Consello o protocolo de reactivación nas residencias de maiores e de discapacidade para unha reapertura gradual e flexible.
No que respecta ás residencias, Feijóo destacou que antes de empezar a reactivación deben cumprirse dous criterios: que o centro non rexistrase casos de coronavirus, nin entre o persoal nin entre os residentes, nos últimos 15 días; e que no concello onde se sitúa o centro se rexistren cada día tres ou menos novos casos de coronavirus por cada 100.000 habitantes. As residencias que cumpran estes requisitos, que son sobre o 80%, poderán comezar coa etapa 1 o vindeiro 18 de maio.
Ao longo da rolda de prensa, o presidente da Xunta precisou que na etapa 1 volverá estar permitida unha visita por semana e sempre con cita previa. Ademais, poderán realizarse paseos en grupos dun máximo de cinco persoas na contorna da residencia, sempre con medidas.
Na etapa 2, as residencias poderán permitir dúas visitas por semana e con cita previa; e as persoas autónomas poderán realizar saídas á farmacia e ao banco, preferiblemente a primeira hora da mañá.
Finalmente, na etapa 3 poderá recuperarse por completo o réxime de visitas co que contaba cada residencia antes da pandemia; e os residentes poderán saír tamén á contorna urbana, evitando no posible aqueles lugares onde se concentren máis persoas.
Por último, o protocolo de reactivación das residencias tamén regula o reinicio dos servizos de atención temperá, así como outros servizos terapéuticos dirixidos a persoas maiores e persoas con discapacidade.