Galicia estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos e alumnas

2 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta estenderá a educación dixital a 100.000 alumnos, unha cifra que suporá o 70% dos alumnos de 5º de primaria a 4º da ESO.

Con este obxectivo, Feijóo precisou que Consello autorizou dous contratos marco, que suman un importe máximo de 34 millóns de euros: un deles para adquirir ata 45.000 ultraportátiles para o alumnado e o outro para adquirir o equipamento necesario para a dotación doutras 2.000 aulas E-Dixgal.

Actualmente E-Dixgal está dispoñible para os centros adheridos, entre 5º de primaria e 2º da ESO. Isto supón que máis de 34.000 alumnos destes niveis educativos estudan con libro dixital, equipados con portátil e con acceso online e offline á plataforma virtual EVA, onde teñen á súa disposición o contido curricular completo de cada curso.

Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Cómpre salientar que esta transformación comezou en 2010, coa posta en marcha da iniciativa Abalar, na que se levan investido máis de 100 millóns: para a dixitalización de todas as aulas de 5º de primaria a bacharelato; na mellora da conectividade para que o 100% dos centros públicos educativos de primaria e secundaria dispoñan de conexión a internet superior a 100 megabits por segundo; e na adquisición de equipamento, contidos dixitais e implantación de novos servizos e canles de comunicación online.

A estes recursos súmanse diferentes plataformas e aplicacións que facilitan o ensino dixital, como se puxo de manifesto durante o período de confinamento, como: as aulas virtuais ás que accederon diariamente máis de 100.000 estudantes; o sistema de videoconferencia con 4.000 xuntanzas diarias; a aplicación Abalar que empregan habitualmente 93.000 usuarios; ou a plataforma EVA que rexistra diariamente un acceso medio de 3.100 profesores e 29.300 estudantes.