Galicia incrementa a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e reter talento dixital

2 minutes read

A porcentaxe de matriculados en carreiras STEM no Sistema Universitario Galego incrementouse un 3,6% en dous anos e preto do 80% dos titulados neste área seguen a traballar en Galicia cinco anos despois de rematar os seus estudos. Así se desprende dos datos do estudo “Talento dixital: estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia. Edición 2023”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que analiza a evolución destes perfís profesionais durante o período 2019-2023.

Os datos sinalan que Galicia está a incrementar a súa capacidade para xerar vocacións tecnolóxicas e tamén para reter talento. En dous anos o número de persoas matriculadas en carreiras STEM pasou de 12.996 matriculacións a 13.469. Ademais, preto do 80% das persoas tituladas en carreiras STEM está a traballar en Galicia aos cinco anos de finalizar os seus estudos. A porcentaxe de titulados neste área que optan por traballar fóra de Galicia nos cinco primeiros anos da súa traxectoria laboral pasou do 24,7% no 2019 ao 20,3% no 2021. Ademais, os egresados en STEM presentan un alto grao de satisfacción cos estudos universitarios e máis do 90% volvería a cursar a mesma titulación.

A fenda dixital de xénero segue presente nos estudos STEM e é especialmente acusada na FP, na que as mulleres só representan o 12,4% do alumnado. No bacharelato o 47,5% do alumnado de “Ciencias e tecnoloxía” son mulleres pero na universidade esta porcentaxe queda no 34% a pesares de que en ambas etapas formativas as mulleres son, globalmente, máis do 55% do alumnado.

Por titulacións, as mulleres son minoría nas carreiras de enxeñerías e tecnolóxicas (informática, industrial e telecomunicacións). Son maioría nas Ciencias Naturais e en Matemáticas partían dunha situación igualitaria pero van perdendo peso no alumnado a medida que neste grao é máis difundida a súa relación coas tecnoloxías da información.