Galicia será a primeira comunidade en prohibir o consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores por menores

2 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou o Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, explicou, a nivel de restriccións “as  bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco”. 

“Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohíba a venda e consumo destes produtos aos menores de idade”, resaltou Rueda.

O Proxecto de lei aprobado este luns polo Consello da Xunta incorpora diferentes achegas dos sectores implicados, de organismos públicos, de entidades sociais e da cidadanía e será agora remitido ao Parlamento de Galicia, co obxectivo de que “poida ser aprobado antes de que remate este ano”, indicou Rueda. “Trátase dunha norma necesaria, valente e ambiciosa coa que buscamos unha acción coordinada de toda a sociedade para protexer a saúde dos menores”, engadiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Desta forma, a Xunta é a primeira Administración en elaborar un proxecto normativo que abrangue todos os riscos de comportamento para os menores de idade, incluídos produtos emerxentes. Tal e como explicou o conselleiro parte dun enfoque integral e transversal, que aborda “tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías…)” e combina a prevención, a promoción da saúde co control da oferta.

As medidas recollidas na Lei fundaméntanse na evidencia científica e en resultados da enquisa nacional Estudes elaborada polo Ministerio de Sanidade entre estudantes de Secundaria. 

Segundo os datos do informe de 2023, con 14 anos o 41,5 % da cativada xa probou algunha vez os vapeadores. En concreto, o 45,9 % das nenas e o 37 % dos nenos e con maior porcentaxe nas rapazas de todas as idades. En cambio, o consumo de tabaco é notablemente inferior, dun 17,2 % en nenas e nenos de 14 anos e tamén sempre superior no sexo feminino con respecto ao masculino.

Debido a que os cigarros electrónicos conteñen elementos tóxicos aínda sen ter nicotina, o Proxecto de lei prohibe a súa venda e consumo a menores. 

Amplíase, ademais a prohibición de fumar aos accesos de centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar, nun radio de 50 metros.

Para reducir o número de fumadores pasivos, “tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público”, indicou o conselleiro.