Este martes foi o Día da Accesibilidade Universal, unha data que non é só símbolo, senón compromiso. Porque falar de accesibilidade é falar de dereitos, de dignidade e de igualdade real. É falar da sociedade que queremos ser: unha sociedade inclusiva, xusta e aberta, na que todas as persoas poidan participar e vivir en plenitude.
Desde Íntegro sabemos que a accesibilidade non é un luxo, nin unha concesión. É un dereito fundamental que constrúe pontes onde antes había barreiras. É a posibilidade de abrir portas, de garantir que ninguén quede atrás nin quede fóra.
Non se trata unicamente de ramplas, de sinais ou de tecnoloxías. Trátase de actitudes, de vontade política, de empatía colectiva. Trátase de recoñecer que a diversidade é a nosa forza, e que só respectándoa e acolléndoa seremos unha sociedade máis humana.
Por iso, hoxe reclamamos espazos públicos e privados sen obstáculos, comunicación accesible para todas as persoas, educación inclusiva que abrace as diferenzas e unha economía e un emprego que dean oportunidades reais.
Soñamos cun país no que a palabra “accesibilidade” non faga falta, porque todo será naturalmente accesible. Ese é o horizonte que perseguimos, e cara a el avanzamos cada día.
Que este Día da Accesibilidade Universal sexa un recordatorio de que xuntas e xuntos podemos facer posible o imposible. Porque cando eliminamos barreiras, abrimos camiños. E cando abrimos camiños, avanzamos como pobo.
Accesibilidade é liberdade. Accesibilidade é igualdade. Accesibilidade é futuro.
Adolfo López Baña. Presidente Asociación Íntegro.
Consideracións xerais.-
A accesibilidade universal é o principio segundo o cal todas as contornas, produtos, bens e servizos deben poder ser utilizados e gozados por todas as persoas, independentemente da súa idade, xénero, condición ou grao de discapacidade. Noutras palabras: significa que calquera persoa debe poder acceder, comprender e participar en igualdade de condicións na vida social, cultural, educativa, laboral e comunitaria.
As súas características principais:
- Integral: aplícase a todos os ámbitos (arquitectura, transporte, comunicación, educación, lecer, tecnoloxía…).
- Universal: non está pensada só para persoas con discapacidade, senón para toda a sociedade.
- Deseño para todas as persoas: busca crear espazos e servizos desde o inicio pensando na diversidade de usuarios, evitando ter que facer adaptacións posteriores.
- Independencia e autonomía: permite que as persoas poidan moverse, informarse e decidir por si mesmas sen depender de apoios externos innecesarios.
A día de hoxe, en España, aínda que existe unha normativa clara sobre accesibilidade universal (Lei Xeral de Discapacidade, Código Técnico da Edificación, normativas autonómicas e municipais), nas contornas rurais o seu cumprimento adoita ser máis limitado e irregular que nas cidades.
Apoiámonos na Convención da ONU para falar sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (CDPD, 2006) —ratificada por España en 2008— que dedica varios artigos á accesibilidade universal, e é un piar fundamental de todo o tratado.
Recordemos que a convención está por riba de calquera lei ou tratado.
Puntos clave que di a Convención:
1.- Artigo 3: Principios xerais. A accesibilidade é un dos principios básicos da Convención. Vinculase coa igualdade de oportunidades e a participación plena das persoas con discapacidade na sociedade.
2.- Artigo 9: Accesibilidade. Os Estados parte deben adoptar medidas adecuadas para:
– Garantir o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, á contorna física, ao transporte, á información e comunicacións, e a outros servizos e instalacións abertas ao público ou de uso público, tanto en zonas urbanas como rurais. – Eliminar obstáculos e barreiras á accesibilidade. Reclamar a accesibilidade non e ir contra ninguén se non ir a favor de todas as persoas.
Desenvolver normas mínimas e directrices sobre accesibilidade.
1.- Asegurar que os edificios, estradas, transporte, escolas, vivendas, instalacións médicas e lugares de traballo sexan accesibles.
2.- Promover a accesibilidade en servizos de información, comunicación e medios electrónicos.
3.- Ofrecer formación a todas as persoas implicadas (arquitectos, urbanistas, persoal de transporte etc.)/ etc.).
4.- Artigo 19 (Vida independente e en comunidade) e Artigo 20 (mobilidade persoal).
5.- Todo isto reforza que a accesibilidade é esencial para que as persoas con discapacidade poidan elixir onde e con quen vivir, e para desprazarse con autonomía.
6.- Artigo 30 (Participación na vida cultural, recreativa e deportiva).
7.- Esixe que os lugares culturais, recreativos e deportivos sexan accesibles para garantir o goce en igualdade de condicións.
33 anos despois en Integro seguimos reclamando que se cumpra coa accesibilidade universal. Avanzamos! E debemos seguir avanzando.