A asociación Íntegro organizará o vindeiro martes, 24 de novembro, un encontro de mulleres con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra cada ano o 25 de novembro.
A proposta nace coa vontade de crear un espazo aberto de participación no que mulleres con e sen discapacidade poidan conversar arredor das distintas formas de violencia, compartir experiencias e expresar como viven e senten esta realidade.
O encontro pretende favorecer o diálogo e a reflexión colectiva, prestando especial atención á diversidade de situacións e ás diferentes formas nas que as violencias poden afectar ás mulleres. Neste sentido, búscase tamén dar visibilidade as experiencias das mulleres con discapacidade, que poden afrontar situacións específicas de violencia e discriminación que non sempre reciben a atención necesaria.
A actividade desenvolverase a partir das 11:00 horas nas instalacións de Íntegro e estará aberta a todas as mulleres interesadas en participar, formen ou non parte da entidade. A xornada contará tamén cun pequeno espazo de convivencia arredor dun café e algún petisco.
Confirmación de asistencia ata o 20 de novembro
Para facilitar a organización do encontro, as persoas interesadas deberán confirmar a súa asistencia antes do venres 20, a través do correo electrónico info@integro.es ou no teléfono 981 734 985.
Desde Íntegro anímase a todas as mulleres a sumarse a esta convocatoria, que busca converter a conversa, a escoita e a participación en ferramentas para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, libre de violencias e verdadeiramente inclusiva.
