A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entre outras autoridades, acompañou aos membros da Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER) na súa cea anual de confraternidade, un encontro que tamén reuniu a representantes do tecido empresarial da comarca e que serviu para recoñecer a traxectoria dunha entidade que leva máis de tres décadas traballando polo desenvolvemento económico de Bergantiños.
Fundada hai máis de 30 anos en Carballo por un grupo de empresarios da zona, AXOBER conta na actualidade con preto de 200 empresas asociadas. Ao longo destes anos promoveu proxectos e iniciativas de especial relevancia para a vida económica e social da comarca, entre os que figuran a creación do Centro Comercial Aberto de Carballo en 2002; a Festa do Pan, celebrada durante cinco edicións entre 1998 e 2002; o programa Carballo por etapas, orientado á dinamización económica e á promoción do territorio; e Berocasión, a feira de vehículos de ocasión que este ano alcanzaba a súa 21ª edición.
Belén do Campo puxo en valor o papel de AXOBER como punto de encontro e elemento de unión das empresas da comarca, así como a súa contribución á dinamización económica, ao apoio ao emprendemento e á creación de redes de colaboración entre os distintos sectores produtivos. Neste sentido, destacou que a asociación representa un exemplo de compromiso co territorio, de capacidade para impulsar iniciativas e de colaboración para afrontar os novos retos empresariais.
