A asociación Íntegro e a empresa de xestión social Máis Porvir promoverán o vindeiro martes 28 de abril un espazo de diálogo arredor dos dereitos das persoas con discapacidade, nun encontro que reunirá a profesionais dos ámbitos educativo e social co obxectivo de analizar a súa aplicación na práctica diaria.
Baixo o título “Os dereitos das persoas con discapacidade”, a sesión nace coa vocación de xerar unha reflexión compartida e poñer o foco nos avances e retos existentes, tomando como marco a Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.
O encontro contará coa participación de Ramón Sestayo, presidente do CERMI Galicia, e de Adolfo López, presidente da asociación Íntegro, que achegarán unha visión experta e pegada á realidade do sector.
A actividade desenvolverase nas instalacións da entidade, en A Pedra, 30 (Nantón, Cabana de Bergantiños), en horario de 11:30 a 12:30 horas.
Desde a organización anímase ás persoas interesadas a participar e confirmar a súa asistencia ao longo desta semana a través do correo electrónico info@integro.es ou nos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649, co fin de garantir unha mellor organización do encontro.
Andaina solidaria e asemblea xeral
Antes desa xornada, Íntegro e Máis Porvir terán outra cita importante: a celebración da 3ª andaina solidaria “Por un millón de pasos”, que terá lugar o sábado 25, a partir das 16:00 horas. A actividade, que contará coa colaboración do Concello de Cabana, constará dun percorrido accesible de 4,5 quilómetros, con saída na Praza de Canduas e chegada na Praza do Pendón.
O prazo de inscrición xa está aberto, cun custo de 5 euros para persoas adultas e 3 euros para menores de 12 anos, incluíndo avituallamento. Ademais, ofrecerase a posibilidade de adquirir unha camiseta conmemorativa por 5 euros.
Desde a organización convídase á participación da veciñanza neste evento que combina deporte, inclusión e solidariedade, aberto a persoas de todas as idades. Para inscribirse, é necesario cubrir o formulario habilitado en https://shre.ink/AndainaSolidaria2026 ou contactar coa entidade a través do correo info@integro.es ou dos teléfonos 981 734 985 e 650 961 649.
Como antesala da xornada, ambas entidades celebrarán ese mesmo día, ás 11:30 horas, a súa Asemblea Xeral de persoas socias na sede da asociación. Durante a sesión, darase conta das actividades desenvolvidas e abordaranse as liñas de traballo futuro, fomentando a participación activa das persoas socias no desenvolvemento do proxecto.
Desde Íntegro anímase á asistencia a esta convocatoria, considerada clave para o fortalecemento da entidade e a mellora continua dos seus servizos e iniciativas. As persoas interesadas poden confirmar a súa presenza a través dos teléfonos e o correo electrónico habilitados. Ao remate, ofrecerase un pequeno aperitivo para favorecer o encontro e a convivencia entre as persoas asistentes.