A Garda Civil do Posto de Vimianzo investiga a tres persoas como supostos autores dun delito de roubo con forza. Os feitos ocorreron a raíz do aviso recibido a través do Centro Operativo Complexo da Comandancia da Coruña, comunicando recibir a chamada dun cidadán informando da presenza dunha furgoneta na localidade de Zas, cun comportamento sospeitoso.
Inmediatamente os efectivos actuantes desprazáronse ao lugar, tras localizar o mencionado vehículo, procederon á identificación dos seus ocupantes, indagando sobre o motivo da súa presenza nesa zona.
Ante as incongruencias das súas explicacións, os gardas civís procederon ao rexistro da furgoneta, achando na parte traseira, oculto baixo un plástico de cor negra, unha importante cantidade de cable telefónico, distribuído en tres rolos e diversas ferramentas, entre elas dúas cizallas.
Dada a imposibilidade de xustificar a procedencia e a titularidade do cable, a Garda Civil procedeu á investigación destas tres persoas, dúas delas coñecidas das forzas de seguridade por ilícitos de roubo de cable telefónico, como presuntos autores dun delito de roubo con forza e á incautación dos efectos atopados.
Tras realizar as xestións oportunas, a Garda Civil comprobou que o cable achado pertencía a unha empresa dedicada ás instalacións de liñas telefónicas, procedendo a restituír os 160 quilos atopados ao seu lexítimo propietario.
15