La muestra fotográfica ‘A Vía da Prata. Aires do Sur’ deja la Cidade da Cultura y 15.000 visitas


A exposición fotográfica A Vía da Prata. Aires do Sur pecha as súas portas este domingo no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura logo de ser visitada por máis de 15.000 persoas desde xuño. Composta por 140 instantáneas de 40 figuras clásicas e contemporáneas, a mostra recupera e celebra as tradicións, as festas, os oficios, as paisaxes e o patrimonio monumental e cultural dos pobos e cidades que atravesa a Ruta Xacobea de Sevilla a Santiago de Compostela.

Comisariada pola historiadora e documentalista Lucía Laín, trátase dun proxecto que conxuga arte e memoria para dar a coñecer e pór en valor un dos itinerarios que mellor representa a diversidade do Camiño de Santiago. Deste xeito, reúne traballos de recoñecidos fotógrafos de finais do século XIX e do XX como Nicolás Muller, José Suárez, Otto Wunderlich ou Jean Laurent, entre outros, canda obras de nomes destacados na fotografía documental e artística contemporánea como Carmenchu Alemán, Anna Turbau, Vicente López Tofiño, Fernando Manso ou os premios nacionais de fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto.

A Vía da Prata. Aires do Sur permite tamén coñecer algunhas das figuras emerxentes da fotografía actual en España, como Laura Martínez Lombardía, Javier Berasaluce ou os galegos Antón Buciños, Brais Lorenzo, Tere Fernández, Miguel Muñiz, Iñaki Matilla, Manuel G. Vicente, Roberto de la Torre e Luis Otero.

Todos eles dan forma a un carrusel de imaxes que sitúa o visitante de maneira intencionada no punto de vista dun peregrino curioso e atento que percorre os mil quilómetros de Sevilla a Santiago reparando nas xentes, vilas e paisaxes do camiño.