O Pazo de Mariñán acollía este martes as xornadas «Inteligencia Artificial para jóvenes: pensamiento crítico, oportunidades y riesgos», incluídas no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar.
O portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou na inauguración xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o director da Área de Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno, Lois García Carballido, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, entre outras autoridades.
Durante a súa intervención, Bernardo Fernández destacou a colaboración que a Deputación mantén desde hai anos co Plan Director, cedendo o Pazo de Mariñán como espazo de formación e debate. Nesta ocasión, a institución provincial acolle por segunda vez no ano unha actividade deste programa ante «a magnitude das transformacións que vivimos e a urxencia de abordar o impacto da intelixencia artificial na nosa mocidade».
Fernández salientou tamén a importancia de contar coa Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) na Coruña. «Que o noso territorio sexa a sede estatal e a vangarda europea na supervisión, ética e gobernanza da intelixencia artificial é un sinal do liderado tecnolóxico da nosa provincia, das súas universidades e das súas empresas», afirmou.
Neste sentido, destacou o papel da axencia para impulsar un desenvolvemento responsable da IA, no que o avance dixital vaia da man dos dereitos fundamentais e da seguridade da cidadanía, con especial atención á infancia e á adolescencia.
O programa das xornadas conecta o marco normativo coa realidade cotiá dos centros educativos. Entre os contidos figuran o Regulamento europeo de intelixencia artificial, a identificación de usos prohibidos e de alto risco que afectan os menores e a protección dos seus datos persoais e da súa privacidade.
A formación aborda tamén a prevención de retos perigosos nas redes sociais, o acceso a contidos inapropiados e os riscos de abuso ou manipulación. Bernardo Fernández incidiu na necesidade de desenvolver o xuízo crítico da mocidade e de transmitir unha mensaxe clara: «A intelixencia artificial non é un mentor, un amigo nin un psicólogo para un adolescente».
Outro dos eixes da xornada é a prevención e a resposta ante condutas como o ciberacoso, a creación e difusión de imaxes de nudez sen consentimento, os vídeos falsos ou deepfakes, as inxurias e a difusión de información falsa. O obxectivo é ofrecer ferramentas aos membros das forzas e corpos de seguridade, especialmente aos que desenvolven actividades formativas nos centros educativos, para afrontar estas situacións e mellorar a convivencia escolar.
O encontro dedica tamén atención ao pensamento crítico, á transparencia e ao labor pedagóxico da AESIA como organismo de referencia ante dúbidas ou conflitos relacionados con esta tecnoloxía.
