A través da Aula CeMIT situada no Centro Cívico, dáse continuidade de cara á vindeira tempada aos cursos gratuítos de uso e manexo do teléfono móbil e de informática. As formacións arrancarán no mes de outubro e diríxense tanto a persoas adultas como a nenos e nenas, con grupos repartidos por distintos puntos do municipio para achegar a formación tecnolóxica a todas as parroquias.
Os cursos de manexo do teléfono móbil desenvolveranse en horario de mañá. Os luns haberá dous grupos en Cerceda, de 10:15 a 11:15 e de 11:30 a 12:30 horas. Os martes será a quenda da Silva, de 11:15 a 12:15 horas, mentres que os mércores as clases trasladaranse á Baixa, de 10:00 a 11:00 horas, e a Meirama, de 11:15 a 12:15 horas. Os venres, a formación chegará a Queixas, de 10:00 a 11:00 horas.
No caso da informática para adultos, as sesións tamén se impartirán pola mañá. Os martes terán lugar na Silva, de 10:00 a 11:00 horas, e os xoves en Cerceda, con dous grupos de 10:00 a 11:00 e de 11:30 a 12:30 horas. Pola súa banda, o curso de informática para nenos e nenas celebrarase os luns pola tarde en Cerceda, de 16:30 a 18:00 horas.
As persoas interesadas poden solicitar praza presencialmente no rexistro do Concello, situado na planta baixa, ou ben de xeito telemático a través da sede electrónica. Para calquera dúbida, tamén poden achegarse polas mañás ao Centro Cívico, onde se atopa a Aula de Informática, e solicitar máis información.
