- O concurso contou cun total de 37 propostas presentadas, o que reflicte o interese e o nivel profesional espertado por este proxecto crave para o futuro equipamento social de Carballo.
O estudo coruñés LCG Arquitectura resultou gañador do concurso convocado polo Concello de Carballo en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para o deseño do futuro edificio destinado a entidades sociais. O fallo deuse a coñecer este 22 de decembro e contou cun xurado formado por representantes do propio Concello, do COAG e da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
A proposta vencedora ofrece, segundo o xurado, a solución máis “atractiva, sostible e cunha funcionalidade destacable” entre as 37 ideas presentadas ao certame. De maneira especial, valorouse a formulación do centro de día, situado na planta baixa do edificio e con acceso directo desde a praza, así como a adecuada relación do conxunto arquitectónico co espazo público.
Outro dos aspectos mellor puntuados foi a capacidade do deseño para integrar todos os usos previstos sen esgotar a edificabilidade, o que permite unha maior flexibilidade e facilita a execución do proxecto en dúas fases, unha característica considerada clave desde o punto de vista técnico e económico.
Como gañadores do concurso, Jorge García Anta e Fernando Eiroa Lorenzo, do estudo coruñés LCG Arquitectura, serán os adxudicatarios do contrato de servizos para a redacción do proxecto e a dirección de obra, por un importe total de 205.880 euros. Desta cantidade, percibirán inicialmente os 9.680 euros correspondentes ao primeiro premio do certame.