León Benavente encabeza o cartel do Rockin’ Carballo 2026

2 minutes read

O Rockin’ xa ten data e protagonistas para este ano. O sábado 27 de xuño, véspera da Festa do Bosque, Carballo volverá converterse no altofalante do rock independente cunha proposta que medra en forza sen perder a súa esencia carballesa e o seu compromiso coa cultura de proximidade.

A organización do festival, impulsada polas concellarías de Mocidade e Festas, subliña o compromiso coa música local e o talento feminino como piares fundamentais para construír futuro dende a cultura. Un dos momentos máis agardados polo público local será a actuación de Charlie, banda carballesa na que destaca a voz de Carla Queijo, que compartirá o escenario principal con grandes nomes da escena estatal.

O cartel complétase cunha variada representación de estilos e procedencias:

  • León Benavente: como cabeza de cartel, a banda de rock alternativo traerá a Carballo a súa enerxía visceral e as súas letras afiadas que analizan a realidade social actual.
  • Tiburona: o potente power trío madrileño chega para demostrar que a presenza feminina é unha necesidade e un signo de calidade na música en directo.
  • Mentah: o dúo chegado de Ferrol aportará o seu son intenso, honesto e emocional que xa é un referente na escena galega.

Tras o éxito do ano pasado, o Rockin’ Carballo repite os espazos que definen a súa personalidade:

  1. Sesión vermú no Escenario Magnolia do Parque do Anllóns (mediodía): un espazo para gozar en familia co rockabilly e garage punk de Stompin’ Riffraffs, chegados desde o underground de Tokio, e cos veteranos portugueses The Mean Devils.
  2. Concertos principais, na Praza do Concello (tarde-noite): o corazón da vila acollerá as actuacións de gran formato. E todo, de balde!

O Rockin’ Carballo 2026 preséntase, en definitiva, como un espazo de liberdade e reafirma o orgullo de ser “un festival independente, con identidade propia e profundamente carballesa”.