Licitado o proxecto para a creación dun miradoiro na área recreativa de Gabenlle, na Laracha

2 minutes read

A Deputación da Coruña vén de licitar o proxecto para a creación dun miradoiro na área recreativa de Gabenlle, unha actuación que foi proposta polo Concello da Laracha para a súa inclusión no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “Os Fogóns do Anllóns”.

O proxecto, redactado pola Fundación Juana de Vega por solicitude municipal, presenta un orzamento de 20.000 euros e será financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Next Generation EU, segundo o convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña. O prazo de presentación de ofertas remata o 3 de decembro.

Un miradoiro pensado para reforzar o valor ambiental, paisaxístico e educativo do entorno

A intervención ten por finalidade poñer en valor a área recreativa de Gabenlle e facilitar a súa contemplación mediante un punto de observación integrado nese espazo natural xunto ao río Anllóns. Apóstase pola creación dun miradoiro que combine o desfrute da paisaxe coa educación ambiental, a arte na natureza e a mellora da biodiversidade seguindo criterios estritos de respecto e integración coa contorna.

O deseño baséase no uso de materiais naturais do propio lugar, especialmente troncos de piñeiro procedentes dunha entresaca forestal planificada para favorecer a transición cara un bosque mixto e de ribeira. A actuación contempla a plantación de especies autóctonas -freixos, bidueiros, carballos e castiñeiros- co obxectivo de diversificar o ecosistema e reforzar o seu valor ecolóxico.

A proposta inclúe a creación de:

  • Camiños e pavimentos elaborados con toradas de madeira.
  • Zonas de estancia e elementos de xogo natural.
  • Bancada orientado ao río, concibida como espazo de descanso, encontro e observación.
  • Hoteis de insectos integrados en estruturas de troncos, algúns deles intervidos cromaticamente para atraer polinizadores.
  • Sistema de sinalización interpretativa, tamén en madeira, con información divulgativa sobre os servizos ecosistémicos e os valores naturais da área.

Recuperación ambiental e economía circular

A zona na que se creará o miradoiro é unha antiga plantación forestal de piñeiro, actualmente en desuso e con numerosos exemplares en mal estado. A intervención permitirá a súa recuperación ambiental aplicando criterios de economía circular mediante a reutilización da madeira resultante da entresaca, reducindo así a pegada de carbono da obra.

Todas as estruturas propoñen un impacto visual mínimo, empregando volumes lixeiros, materiais naturais e cores acordes coa paisaxe rural de Gabenlle.

Un proxecto ao servizo do turismo sostible

O PSTD “Os Fogóns do Anllóns” ten como obxectivo situar os concellos desa contorna fluvial como destinos de referencia en turismo de natureza e gastronómico, impulsando accións que melloren o estado do río e a súa capacidade para xerar experiencias turísticas de calidade. O miradoiro de Gabenlle encaixa nesta visión ao combinar conservación, educación e desfrute responsable do medio natural.