A terceira edición do “Concurso Ciberseguridade no cole!” acadou un récord de participación con máis de 6.000 escolares de 120 educativos rexistrados. O certame, unha das actividades do Encontro CIBER.gal, vén de celebrar a semifinal en liña, na que se clasificaron coma finalistas os seis centros que participarán na final presencial, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará a comunicadora galega Esther Estévez.
Os centros finalistas da categoría de primaria son o CEP Carlos Casares – Alxén, o CPR Plurilingüe San Fermín e o CPR San Francisco de Vilagarcía de Arousa. Na categoría de secundaria clasificáronse o Colexio Montespiño, o IES de Foz e o CPR Plurilingüe Losada. Á final, ademais, dos participantes e finalistas poden asistir as persoas que o desexen previa solicitude a través do mail edg2030.ciberseguridade@xunta.gal.
O concurso, patrocinado por Telefónica no marco do III Encontro CIBER.gal, está dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.
Tras a final, os asistentes poderán asistir á obra de teatro “Amanda_T”, que abordará as malas prácticas nas redes sociais e as consecuencias reais que poden ter. A continuación terá lugar unha actividade organizada polo INCIBE: “Sobe de nivel en ciberseguridade!”, na que se amosarán pautas sinxelas sobre a ciberseguridade no uso diario de dispositivos e plataformas online. Nesta actividade poderán participar todos os asistentes presenciais en vivo e en directo, pois tratará de involucrar á totalidade do público alí presente.
Ademais das anteriores, o Encontro CIBER.gal ofrecerá outras actividades complementarias como o concurso “Capture the Flag” -que terá lugar na xornada do 2 de novembro pola tarde, con sorteos entre os participantes e premios para os clasificados- e catro talleres prácticos de especial interese para perfís tecnolóxicos: “Instalación e configuración de Snort sobre raspberry pi para a detección de intrusións en redes industriais”, “Escalada de privilexios e persistencia en sistemas Linux”, “Automatización de ataques e emulación de adversarios con MITRE Caldera” e “Adquisición de evidencias para análise informática forense”. As actividades adicionais contan con prazas moi limitadas, entre 24 e 30 participantes como máximo.