Máis de 600 persoas celebraron en Cerceda a III edición da proba deportiva solidaria ‘Os 11 das vías’

1 minutes read

O Concello de Cerceda celebrou este sábado a III edición da proba deportiva solidaria ‘Os 11 das vías’ con máis de 640 persoas inscritas, todo un fito ata a data e que consagra a esta cita deportiva como unha das máis relevantes da contorna, aínda con marxe de crecemento.

Organizada polo Concello de Cerceda e coa colaboración do Club Atlética A Silva e o Albergue da Estación, combinou zonas de trail e asfalto nos seus 11 quilómetros de percorrido para dar a coñecer a Vía Verde, que une o municipio co de Oroso. A proba deu comezo ás 16:45 horas coas carreiras para menores e ás 18:00 deuse a saída para a carreira absoluta. Uns minutos despois, sobre as 18:20 horas, iniciouse a andaina, con catro quilómetros de percorrido, que por certo, é novo e permite explicar novos recunchos do territorio recuperado ao ferrocarril. Outra novidade será un espazo de actividades de xogos tradicionais, que permanecerá activa durante toda a tarde ata a entrega de trofeos.

Novamente, as cantidades serán doadas integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para a investigación oncolóxica e financiamento de proxectos que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.

O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, destacou o éxito “dun evento que combina tres factores clave para nós: turismo, deporte e natureza”. “Esta proba, ao igual que outras como a San Silvestre ou a Poseidon Race demostran a aposta deste Concello no fomento de eventos que mesturen eses tres conceptos”, indicou, para concluír que “esta é certamente especial por esa parte solidaria e colaborativa coa Asociación Española Contra o Cancro”.