A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo este luns unha reunión co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, na que acordaron destinar 1,25 millóns de euros para mellorar o saneamento da localidade coa construción dunha nova estación depuradora de augas residuais, no lugar de Beo, na parroquia de Vilanova de Santiso.
En concreto, a Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará o 80% do proxecto, mentres que o 20% restante correspondería á Administración local. Esta actuación será cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Galicia 2021-2027.
A previsión é asinar nas vindeiras semanas o correspondente convenio de colaboración entre as dúas administración co obxectivo de que este proxecto saia a licitación no primeiro semestre deste ano 2026.
A maiores, no encontro tamén analizaron a situación da EDAR localizada no lugar da Balsa, en Buño, de cara a avaliar posibles actuacións no futuro, así como vías de colaboración para acometelas.
Durante a reunión a conselleira reiterou que, aínda que as competencias en materia de saneamento e depuración son municipais, a Xunta mantén o seu compromiso de prestar apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar un servizo de calidade.