Malpica escolle as mellores olladas á súa natureza para protagonizar o calendario municipal de 2027

2 minutes read

O Concello de Malpica de Bergantiños dá a coñecer as fotografías seleccionadas no II Concurso Fotográfico «Malpica, natureza en olladas», unha iniciativa que busca poñer en valor a riqueza natural, paisaxística e patrimonial do municipio a través da mirada dos amantes á fotografía.

A fotografía «Aurora boreal sobre o Dragón de Punta Nariga», de Antonio Fernández, foi a escollida para protagonizar a portada do calendario municipal de 2027, polo que recibirá o primeiro premio, dotado con 200 euros. A imaxe recolle a excepcional aurora boreal que puido contemplarse desde Punta Nariga o 24 de outubro de 2024. Unha estampa extraordinaria na que a silueta do emblemático Dragón de Punta Nariga aparece iluminada polas cores dun fenómeno astronómico pouco habitual nestas latitudes.

Ademais da fotografía gañadora, o calendario contará con outras doce imaxes, seleccionadas para ilustrar cada un dos meses do ano. Cada unha delas recibirá un premio de 60 euros.

As fotografías seleccionadas son:

·       «Camiñando cara ás ondas», de Carmen Arias Portela.

·       Fotografía das Illas Sisargas entre a néboa, de Mar Pena.

·       «O muíño de canle», de Antía Chouciño Rodríguez.

·       «Malpica, entre a terra e o mar», de Xoán Eiras Mouzo.

·       «Onde florece o horizonte», con autoría pendente de confirmar.

·       «Camiño ao mar», de Lucía Corral Cobas.

·       «O plenilunio de Lugrís», de Sergio Freire.

·       «A quietude do momento», de Cloe Urbano.

·       «Surfeando, disfrutando dunha mañá de surf», de Inma Fernández.

·       Fotografía nocturna de Punta Nariga, de Ana Ruíz Amigo.

·       «A inmensidade dun instante», de Samuel Pájaro Otero.

·       «A cascada do muíño de Río de Va», de María García.

A través destas fotografías, o calendario ofrecerá un percorrido visual por diferentes recunchos de Malpica: o litoral, as Illas Sisargas, os faros, os muíños, as paisaxes mariñeiras e os espazos naturais que definen a identidade do municipio.

O Concello agradece a participación de todas as persoas que presentaron as súas fotografías, contribuíndo a mostrar Malpica desde perspectivas diversas e persoais.

Con esta segunda edición do concurso, o Concello continúa apostando pola fotografía como ferramenta para divulgar, preservar e poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico de Malpica de Bergantiños.

O calendario municipal de 2027 converterase así nunha colección de doce olladas e unha portada excepcional que amosan a beleza de Malpica ao longo de todo o ano.