Malpica impulsa un ciclo de contacontos cunha nova edición de “Tardes na Biblioteca”

1 minutes read

O Concello de Malpica pon en marcha unha nova edición das Tardes na Biblioteca, un ciclo de contacontos dirixido ao público familiar que se desenvolverá na Biblioteca Pública Municipal do Centro Cívico. A iniciativa, integrada no programa Malpica Nun Mar de Letras 2026, está pensada para achegar a lectura ás familias e fomentar o hábito lector entre os máis pequenos a través da narración oral e o espectáculo. As sesións, recomendadas para nenos e nenas a partir de 4 anos, celebraranse ás 18:00 horas e contarán con propostas variadas e de gran calidade artística:

  • 24 de abril: Galeatro con Hotel Paraíso
  • 8 de maio: Pérez & Fdez con Umami
  • 22 de maio: Pablísimo con Contacomic

A concelleira de Educación e Cultura, Noelia Freijeiro, destacou a importancia desta iniciativa para o municipio: “Con este ciclo buscamos que a biblioteca sexa un espazo vivo e atractivo para as familias, onde os nenos e nenas poidan descubrir o pracer da lectura desde idades temperás”. Freijeiro subliñou ademais que “Malpica Nun Mar de Letras é unha aposta firme pola cultura e pola lingua, e actividades como estas contribúen a crear hábitos lectores e a fortalecer os vínculos familiares arredor dos libros”.

Con esta programación, o Concello de Malpica continúa a súa aposta pola dinamización cultural e pola promoción da lectura, convertendo a biblioteca nun espazo de encontro, aprendizaxe e lecer para toda a veciñanza. O ciclo Tardes na Biblioteca consolídase así como unha das citas destacadas dentro da programación cultural municipal, ofrecendo ás familias a oportunidade de compartir experiencias arredor dos libros e da imaxinación.