Mar outorga a concesión para nave de redes e aula de formación na lonxa vella de Ribeira

1 minutes read

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, impulsa a reactivación da actividade no edificio da lonxa vella do porto de Ribeira que funcionará a partir de agora como nova nave de redes. Así o comunicou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita á dársena este xoves para informar de que o ente público outorgou recentemente unha concesión administrativa que permitirá o novo uso.

Villaverde, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que a concesión terá un prazo de vixencia de 5 anos con posibilidade de prórroga. O título administrativo autoriza o desenvolvemento de actividade de nave de redes, pero tamén aula de formación náutico pesqueira.

Para promover dita actividade, Portos de Galicia aplicará unha bonificación do 95% das taxas por ocupación do solo, tal como recolle a Lei de taxas portuarias no caso de edificios como lonxas ou naves de redes. Deste xeito incentívase a actividade profesional nun inmoble de 2.500 metros cadrados, que quedou en desuso logo do traslado da lonxa ao edificio actual, que contou cun investimento da Xunta de Galicia de preto de 15 millóns de euros.

Acondicionamento da nave

Durante a súa visita ao porto ribeirense, a conselleira do Mar lembrou que a nave de redes era unha aspiración histórica do sector no municipio. Co obxectivo de dar resposta a esta necesidade, a Xunta de Galicia acondicionou o edificio cun investimento de 40.000 euros. As obras executadas consistiron na reparación da cuberta, demolición dos muros interiores coa fin de habilitar unha superficie diáfana, e acondicionamento dos departamentos para almacenamento de pertreitos.