Marta Villaverde, ata o de agora directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta, tomou posesión este xoves como nova conselleira de Mar tras a dimisión de Alfonso Villares, investigado por unha presunta agresión sexual, presentada por unha coñecida modelo e presentadora, da que o ex-conselleiro se declara inocente. O presidente da Xunta desexoulle o mellor a nova conselleira, á que agradeceu que dese o paso de aceptar o posto como no seu día fixo Alfonso Villares. Alfonso Rueda quixo expresar todo o seu apoio a Villares, amosando a súa confianza de que se faga xustiza «canto antes». Rueda asegurou que lle gustaría recuperalo para a vida pública. Villares estivo presente no acto, e recibiu varias mostras de apoio dos membros do Goberno galego. O xulgado de Instrución número 2 de Ferrol retomará a denuncia contra Villares. É o competente na cidade en relación aos casos por violencia contra a muller e renovará o procedemento tras a renuncia do dirixente autonómico, a cal provoca a perda da súa condición de aforado.