Medio milleiro de nenos e nenas converterán Carballo nunha gran festa do baloncesto galego de base

2 minutes read

O Museo de Bergantiños acolleu, un ano máis, a presentación oficial do 12º Día do Pequebasket, que, como xa é tradición, celebrarase o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no pavillón Carballo Calero e a súa contorna. No acto participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; o presidente e o director técnico de Basket Xiria, Primitivo Reguera e Arturo Ferraces; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, e o directivo José Manuel Villamaín.

O evento, consolidado como un referente lúdico e deportivo a nivel autonómico e estatal, contará coa participación de 483 nenos e nenas de entre 5 e 8 anos. En total, 42 equipos pertencentes a 28 clubs chegados de diferentes puntos da xeografía galega que encherán Carballo de deporte e convivencia.

O alcalde, Daniel Pérez, subliñou a importancia estratéxica de actividades deste tipo, que “poñen a Carballo no mapa galego do deporte base”, e felicitou á Escola Basket Xiria pola súa capacidade organizativa e pola exitosa campaña realizada. Pérez destacou tamén o valor engadido de que a cita coincida coa festividade das Letras Galegas, convertendo a xornada nunha gran festa da cultura e o deporte.

Pola súa banda, dende a Escola Basket Xiria, Primitivo Reguera agradeceu a implicación do Concello de Carballo e o apoio da Xunta de Galicia nun proxecto que definiu como “único en Galicia”. Julio Bernárdez, presidente da Federación Galega, tamén quixo destacar o papel de Basket Xiria como precursor deste formato lúdico que vai máis alá da competición.

O 12º Día do Pequebasket non será só deporte. O cartel oficial xa adianta unha xornada chea de diversión con inchables, xogos e unha zona aberta ao público arredor do pavillón, deseñada para que as familias desfruten dunha xornada festiva ao aire libre.

A organización agarda unha gran afluencia de público, confiando en que o bo tempo acompañe a este evento que xa é unha data marcada en vermello no calendario deportivo carballés.