Membros da directiva de Vieiro reúnense coas orientadoras dos centros de educación secundaria de Carballo

1 minutes read

O obxectivo desta xuntanza celebrada na sede de Vieiro foi presentar e ofertar os programas do ámbito educativo da entidade e reforzar a prevención das condutas aditivas no ámbito escolar.

Na representación de Vieiro asistiron a súa presidenta, Josefina Rey Baldomir, e a secretaria, María del Pilar Mata Fernández-Balbuena.

Por parte dos departamentos de orientación dos centros educativos participaron: Mara Lema Agra, orientadora do IES Isidro Parga Pondal; Andrea Liñares Pazos, orientadora do IES Alfredo Brañas; Noelia Martínez Ferreiro, orientadora do IES Monte Neme; e Cristina Baldomir, orientadora do CPR Artai.

Durante a reunión, a entidade aproveitou para lembrar ás responsables dos departamentos de orientación os programas incluídos na carteira de servizos que a Asociación Vieiro desenvolve no ámbito educativo, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo. Así mesmo, trasladouse información sobre os resultados obtidos durante o pasado curso escolar nos programas levados a cabo pola entidade, nos que todos os centros do municipio veñen participando desde hai anos.

A proposta de programación da Asociación Vieiro foi acollida, un ano máis, con gran interese por parte de todas as profesionais presentes.

Tendo en conta a excelente colaboración que desde hai anos veñen ofrecendo os centros educativos do municipio de Carballo, a través dos seus equipos directivos, claustros de profesorado e departamentos de orientación —sen cuxa colaboración non sería posible levar a cabo os diferentes programas de prevención no ámbito escolar—, a asociación Vieiro quixo trasladar o seu máis sincero agradecemento.