Como cada primeiro domingo do mes de xullo, este domingo en Paiosaco estaba todo preparado para unha xornada de feira especial, a exaltación da cereixa como produto estrela, nunha Festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Non hai produto suficiente na comarca para abastecer a demanda que tal día como este domingo se produce desta froita na vila larachesa. Por iso, a inmensa maioría levaban o selo foráneo, moitas delas de Tomavacas e do Val do Jerte en Cáceres. A Cereixa do Jerte inclúe un grupo de variedades autóctonas con Denominación de Orixe Protexida. Entre elas, destacan as Picotas do Jerte, catro variedades locais do Val do Jerte: Ambrunés, Pico Negro, Pico Limón e pico Colorado. A máis doce e que se produce en maior cantidade é a primeira.
O produto vendíase a granel, por quilo, ou en caixas de dous e tres quilos, con prezos que oscilaban entre os 9 e os 12 euros. Este ano a colleita foi boa e o produto chegou en inmellorables condicións á cita, pero ademais tamén houbo todo tipo de produtos da horta, comestibles, roupa e calzado, (como de costume).
A programación xa comezou o sábado cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Matices, e continuaba pola noite coa verbena amenizada pola orquestra Kubo e unha sesión de disco móbil para seguir gozando da festa ata a madrugada.
Este domingo foi o día grande coa Feira das Cereixas, a feira máis importante do ano en Paiosaco e tamén a celebración gastronómica máis relevante do concello da Laracha. Ao longo da xornada os asistentes desfrutaron dunha ampla programación cultural e musical pensada para todos os públicos.
Durante toda a mañá, no stand do Concello ofrecíase información turística e houbo unha foodtruck na que degustar, de balde, produtos elaborados a base de cereixas. Ás 11:00 h realizábase o obradoiro Do óso ao brote: a viaxe da cereixa, dirixido ao público infantil e familiar. A actividade explicaba o proceso de produción da cereixa, sensibilizando sobre o proceso de crecemento dunha árbore froiteira, valorando o traballo dos produtores e fomentando o respecto polos ciclos naturais.
A charanga Kilomberos de Monte Alto puxo a nota festiva durante a feira a partir das 12:00 h. Xa pola tarde, ás 20:00 h, tivo lugar unha actuación de música e baile tradicional galegos a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. Pola noite, as 21:30 h o grupo Os Meliados, tamén de música tradicional, deu paso ao concerto estelar de Xurxo Fernandes. O músico coruñés puxo en escena o seu espectáculo Levaino!, no que achegaba unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, mesturando os sons máis arcaicos da Galicia primitiva, acompañados de pandeireta, co exotismo do Mediterráneo oriental e instrumentación moderna. Na fin de festa houbo unha gran sesión de fogos artificiais.