Un home de 80 anos faleceu na noite deste mércores tras ser atropelado por un vehículo na parroquia Couso de Limia de Sandiás, no quilómetro 4 da estrada OU-531, que une Xinzo de Limia con Celanova, segundo informou o 112 Galicia.
O condutor do vehículo implicado contactou cos servizos de emerxencias e indicou desde o primeiro momento que a persoa atropelada estaba inconsciente.
Desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Emerxencias Sanitarias de Galicia-061 e da Garda Civil de Tráfico. Os servizos médicos só puideron certificar o pasamento da vítima.
A Garda Civil explicou que o peón vestía totalmente de escuro, sen facer uso de ningunha peza reflectora. O condutor deu negativo nas probas de alcol e drogas e as dilixencias do caso instrúeas o Equipo de Investigación da Garda Civil en Verín.