Morre unha muller de 66 anos nun accidente de tráfico con 5 feridos no Pino

1 minutes read

Unha muller de 66 anos faleceu e outras catro resultaron feridas tras unha colisión entre unha furgoneta e un turismo rexistrada na mañá deste luns no quilómetro 77 da autovía A-54, en sentido Lugo, ao seu paso polo concello do Pino.

A muller falecida viaxaba no asento posterior esquerdo do turismo e facía uso do cinto de seguridade. O condutor da furgoneta quedou ferido leve e o do turismo saíu ileso. Ningún dos dous dou positivo en drogas ou alcohol. O outro ileso foi un menor que viaxaba no centro da parte traseira do turismo. O resto de viaxantes do turismo, un está grave e dous leves.

O accidente produciuse arredor das 10:50 horas. Varios particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da intensidade do impacto e advertiron da presenza de varias persoas feridas que precisaban asistencia sanitaria inmediata.

Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Arzúa, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da estrada.

Unha vez no lugar, os bombeiros comprobaron que non era necesaria a excarceración dos implicados. Desde Urxencias Sanitarias  confirmaron que trasladaron catro feridos, un deles a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago.