Mulleres de Carballo descargan estrés cunha sesión de destructoterapia no parque empresarial de Bértoa

2 minutes read

Un grupo de mulleres, entre as que figuraban as concelleiras Maica Ures e Maruxa Suárez, participaron este venres no parque empresarial de Bértoa nunha sesión de destructoterapia, unha proposta incluída na programación municipal arredor do 8 de marzo e centrada na saúde mental e na xestión das emocións.

A actividade estivo guiada pola psicóloga Claudia Pradas, que comezou a sesión cunha parte teórica no centro social do polígono na que explicou que é o estrés, como afecta ás persoas e, especialmente, ás mulleres. Durante esta primeira parte, moi participativa por parte das asistentes, abordáronse tamén cuestións relacionadas coa saúde mental e co impacto que factores como os roles de xénero, a presión social ou a sobrecarga de responsabilidades poden ter no benestar emocional.

A sesión permitiu ás participantes identificar como se manifesta o estrés no corpo e nas emocións, así como coñecer ferramentas para mellorar a súa regulación emocional. Entre as consecuencias máis habituais do estrés, sinaláronse dificultades para xestionar as emocións, problemas nas relacións persoais ou a baixa autoestima e a autoesixencia excesiva.

Actividade teórica e práctica

Tras esta primeira parte, o grupo trasladouse ao exterior para realizar a actividade práctica de destructoterapia, unha dinámica de descarga emocional que consiste en liberar tensión mediante o esforzo físico. Tal e como explicou a psicóloga, este tipo de exercicios favorecen a liberación de endorfinas e contribúen a canalizar emocións como a rabia ou a frustración dun xeito seguro e controlado.

Equipadas con traxes de protección, luvas, martelos e pantallas faciais, as participantes tiveron a oportunidade de descargar tensión golpeando distintos elementos, empezando por algúns pequenos como pratos ou vasos e rematando cun coche destinado ao despezamento. A experiencia combinou actividade física, diversión e traballo emocional.

A destructoterapia desenvolveuse seguindo varias fases —introdución, quecemento, destrución e relaxación—, co obxectivo de transformar a descarga de tensión nun exercicio de autocoñecemento e regulación emocional.

A actividade forma parte do programa da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade arredor do 8M, que inclúe diferentes propostas culturais, educativas e de sensibilización destinadas a promover a igualdade e reflexionar sobre os retos que seguen afrontando as mulleres na sociedade actual.