Muxía saca adiante o Plan Único cos votos do PSOE e do PP

1 minutes read
  • O resto dos partidos políticos abstivéronse para salvar un POS valorado en máis de 500.000 euros

Este luns celebrouse un pleno extraordinario en Muxía onde finalmente a corporación sacou adiante o Plan de Obras e Servizos (POS) valorado en máis de 500.000 euros. Tanto o PSOE como o PP votaron a favor, mentres que o BNG e o grupo dos non adscritos abstivéronse.

Nesta xuntanza materializouse o acordo acadado a semana pasada na comisión de contas para intentar salvar un POS que, se ben fora aprobado no mes de febreiro, non saíu adiante debido aos votos en contra da oposición a unha modificación solicitada pola Deputación da Coruña.

Tras a quenda de votacións o alcalde, Iago Toba, apuntou que «no siempre se calla para guardar silencio, sino para conservar la paz; polo que a veces estar en paz é mellor que ter razón”.

Entre as intervencións a realizar destacan o abastecemento de auga a Morpeguite e Pasantes, a ampliación e saneamento a Debexo, o parque infantil de Suxo, o acondicionamento do vial de Suxo ata Garante ou a ampliación da redes de saneamento de Chorente.