Veciños e veciñas do municipio da Laracha constituíron a plataforma cidadá Stop Biogás A Laracha, co obxectivo de defender o territorio fronte ao proxecto de planta de biometano promovido na parroquia de Soandres.
A plataforma quere deixar claro desde o primeiro momento que non se posiciona contra as enerxías renovables nin contra a transición enerxética, senón contra un modelo de implantación desordenado e carente de garantías, que pretende situar instalacións industriais de alto impacto en zonas rurais sensibles e próximas a núcleos habitados.
Neste caso, a oposición veciñal céntrase na localización escollida en Vista Alegre, un emprazamento que consideran incompatible coa protección do patrimonio, da auga, da contorna residencial e da calidade de vida da poboación local.
Un proxecto que segue vivo e cuxa cancelación debe producirse agora.
Stop Biogás A Laracha subliña que este proxecto non está detido nin descartado, senón que continúa a súa tramitación administrativa, polo que a mobilización social institucional resulta especialmente urxente.
A plataforma considera que a única solución razoable pasa pola cancelación definitiva do proxecto na súa actual localización, ao entender que os seus impactos e riscos superan amplamente calquera suposto beneficio para o municipio.
Un problema que se repite en toda España
A plataforma lembra que o caso da Laracha non é illado. En numerosos municipios de toda a xeografía española están a xurdir conflitos similares vinculados a plantas de biogás, biometano e tratamento de residuos orgánicos promovidas preto de vivendas e explotacións agrarias.
A xuízo do colectivo, a raíz do problema está na ausencia dunha regulación estatal, autonómica e municipal específica que estableza criterios claros para este tipo de instalacións, entre eles:
- Distancias mínimas obligatorias respecto de núcleos de poboación.
- Zonas de exclusión cerca de acuíferos, ríos e patrimonio protexido.
- Esixencias técnicas reais de seguridade e control ambiental.
- Solvencia económica suficiente das empresas promotoras.
- Garantías efectivas de participación cidadá.
Emprego mínimo e impacto máximo
Stop Biogás A Laracha cuestiona tamén o suposto retorno socioeconómico do proxecto. Segundo denuncia a plataforma e faise constar no proxecto presentado pola promotora, a instalación xeraría menos de dez postos de traballo directos, unha cifra que consideran claramente insuficiente fronte aos impactos que asumiría o municipio.
“Falar de desenvolvemento local con menos de dez empregos e a cambio de cheiros, tráfico pesado, riscos ambientais e deterioración da contorna resulta sinxelamente ridículo”, sinalan desde a organización.
O dixestato: o residuo do residuo
Ademais dos impactos xa coñecidos, a plataforma advirte sobre unha cuestión frecuentemente minimizada: o dixestato resultante do proceso industrial.
Este subproducto xérase en grandes volumes tras a dixestión anaerobia e, lonxe de resolver o problema inicial, crea un novo vinculado á súa xestión. Segundo denuncia a plataforma, en moito instalacións similares o dixestato acaba destinándose a esparexido agrícola en terreos próximos.
Stop Biogás A Laracha alerta de que este material pode conter elevadas cargas de nitróxeno, fósforo, sales, metais pesados e outros contaminantes dependendo da orixe dos residuos tratados, co consecuente risco de:
- Contaminación de chans agrícolas.
- Filtracións a acuíferos subterráneos.
- Sobrefertilización de parcelas próximas.
- Cheiros persistentes e molestias adicionais.
- Traslado do problema ambiental desde a planta ao campo.
Principais preocupacións veciñais
Entre as cuestións expostas pola plataforma destacan:
- A afección potencial sobre bens arqueolóxicos catalogados na contorna
inmediata. - A localización da planta en plena cabeceira do río Anllóns.
- A proximidade a vivendas habitadas.
- O tráfico continuo de camións de residuos.
- O problema engadido do digestato e a súa xestión final.
- O escaso retorno económico real para A Laracha.
Chamamento a administracións e cidadanía
A plataforma anuncia que impulsará alegacións, accións informativas, mobilización social e cantas medidas legais sexan necesarias para lograr a cancelación do proxecto.
Así mesmo, reclama ás administracións unha normativa rigorosa que impida seguir trasladando ás rural instalacións industriais que non atopan aceptación noutras contornas.
Por iso, ínstase a todos os veciños e veciñas que acudan á reunión informativa organizada polo concello da Laracha na Casa da cultura o mércores 22 de abril ás 20.00.
Stop Biogás A Laracha conclúe cunha mensaxe clara: non se rexeitan as renovables; rexéitase un proxecto mal exposto, mal situado, con escaso beneficio social e elevado custo ambiental para o municipio.