Noia Harp Fest convoca a cuarta edición do Portus Apostoli

1 minutes read

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, cuxa duodécima edición terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto, vén de publicar na súa páxina web as bases da convocatoria da cuarta edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, coa intención de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que de cara a esta nova edición ampliará a súa contía económica (a achega pasará de 2.500 a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra no ano 2026 co apoio do único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa. A convocatoria está aberta desde hoxe, martes 20 de maio, e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. 
Na terceira edición do Portus Apostoli, da que resultou gañador o arxentino Federico Beilison coa peza Cuatro historias gallegas (o fallo deuse a coñecer o pasado mes de febreiro) presentáronse unha ducia de composicións chegadas de países como Alemania, Austria, Colombia, Estados Unidos ou Finlandia, entre outros. Nas vindeiras semanas o Noia Harp Fest dará a coñecer os detalles da estrea da obra do compositor e guitarrista arxentino, da que o xurado salientou «a súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa», ademais de destacar os «múltiples recursos utilizados para corda» polo seu autor. A estrea mundial de Cuatro historias gallegas é unha das novidades que o festival dará a coñecer proximamente, alén da presentación oficial da súa programación ao completo, que terá lugar o martes 3 de xuño.