Nova campaña arqueolóxica no Castro das Barreiras de Vimianzo marcada polos achados

2 minutes read

O Concello de Vimianzo vén de iniciar unha nova campaña de escavación arqueolóxicano Castro das Barreiras, no marco das actuacións de conservación e posta en valor do patrimonio local correspondente ao ano 2026. Os traballos, dirixidos polo arqueólogo Tito Concheiro, comezaron o 4 de maio e supoñen a continuidade do plan de escavación de desenvolvemento orgánico na zona visible do castro.
A campaña actual estrutúrase en dous sectores de escavación, un situado na zona norte e outro na zona sur da área intervida. Tal e como vén sendo habitual no programa das Barreiras, continúase co proceso de ampliación progresiva da escavación, co obxectivo de avanzar no coñecemento do xacemento e achegarse ao descubrimento de practicamente a metade da súa extensión total.

No sector norte, os traballos céntranse na escavación dunha gran cabana de planta ovalada, da que ata o momento só se exhumou unha parte do seu muro, de notable anchura. Trátase dunha estrutura especialmente rechamante e de carácter monumental, que podería achegar nova información sobre a organización interna do poboado.

Noutra das áreas de intervención, retómase o estudo da muralla do castro das Barreiras, elemento singular e definitorio deste xacemento. A estrutura está formada por un pano de

cachotaría construído en bancais, terrazas ou escalóns, o que evidencia unha técnica construtiva complexa e altamente planificada.

Asociado a este sistema defensivo, estase a escavar tamén un vertedoiro cerámico, composto pola acumulación de numerosos restos de alfarería, fundamentalmente cacharros fragmentados que eran desbotados nun espazo situado entre a muralla e as vivendas. Este contexto arqueolóxico está a ofrecer información relevante sobre a vida cotiá e a xestión dos residuos no asentamento.

No que vai de campaña, o equipo arqueolóxico destaca que xa se recuperou moito material arqueolóxico, cun balance inicial moi positivo. Entre os achados máis significativos atópase un betilo, un elemento de carácter simbólico ou relixioso, que foi recibido con especial satisfacción polo equipo pola súa relevancia para o coñecemento do xacemento.

Os traballos de escavación complétanse ademais cun programa de visitas guiadas dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio, co obxectivo de achegar o patrimonio arqueolóxico á comunidade local e fomentar o coñecemento e posta en valor do castro das Barreiras entre a mocidade.

Durante a presentación participaron a alcaldesa, acompañada polo arqueólogo e responsable da escavación, Tito Conxeiro, quen xa fixeron balance inicial dos primeiros resultados da campaña.

O responsasponsable das escavacións, o arqueólogo Tito Concheiro, mostrouse ilusionado ante os achados que poidan xurdir nos vindeiros días.

A alcaldesa subliñou a importancia de seguir descubrindo novos elementos que demostran o excepcional e a riqueza do xacemento, destacando que estes achados reforzan o valor patrimonial das Barreiras. Así mesmo, sinalou que “seguimos apostando dende o corazón da Costa da Morte por converter o castro das Barreiras nun referente do turismo arqueolóxico, pasiño a pasiño”.