Trátase dunha nova edición desta cita cultural anual que achegará ao municipio nove propostas escénicas de diferentes xéneros, desde a comedia e o teatro físico ata a música tradicional, o documental e a maxia.
A mostra desenvolverase entre o venres 30 de outubro e o venres 11 de decembro no Auditorio do Centro Cívico, cunha programación pensada para públicos de diferentes idades e coa vontade de seguir promovendo o acceso á cultura e ás artes escénicas.
A primeira función terá lugar este venres, 30 de outubro, ás 20.30 horas, coa representación de «O proceso», de Malasombra Produccións, unha comedia de 75 minutos dirixida ao público adulto e á mocidade a partir dos 16 anos.
A programación continuará o venres 6 de novembro, ás 20.30 horas, con «Costa da Morte, cartografía dun naufraxio», de Mariña Lestón, unha proposta teatral de 50 minutos dirixida preferentemente a adolescentes e adultos.
O venres 13 de novembro, tamén ás 20.30 horas, será a quenda de «Proxección ao son da nova regueifa», un documental de Manolo Maseda e Saúl Rivas, producido por Xosé A. Touriñán, no marco de Outono das Artes. A peza, cunha duración de 60 minutos, está recomendada para maiores de 12 anos.
O sábado 14 de novembro, ás 20.00 horas, chegará «O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger», de Baralletea Creativa, unha comedia de 90 minutos dirixida ao público adulto e á mocidade a partir dos 16 anos.
A seguinte cita será o venres 20 de novembro, ás 20.30 horas, con «Baraza co espectáculo Remexe», unha proposta de Outono das Artes que combina música tradicional galega, brasileira, vídeo e narración oral. Cunha duración de 60 minutos, está pensada para o público familiar e adulto.
Xa o sábado 21 de novembro, ás 20.00 horas, representarase «Señores», de Ste Xeito Produccións, unha comedia de 75 minutos dirixida preferentemente a adultos e á mocidade a partir dos 15 anos.
A programación continuará o venres 27 de novembro, ás 20.00 horas, con «Voo», de Teatro O Cubo. Esta proposta de 45 minutos combina teatro físico, danza e manipulación de obxectos, e está dirixida a todos os públicos a partir dos 3 anos.
En decembro, o venres 4 ás 20.00 horas, o público poderá gozar de «Tachán», de Iventi Teatro, unha proposta de teatro cómico de 45 minutos pensada para o público familiar a partir dos 4 anos.
A XXII Mostra de Teatro pecharase o venres 11 de decembro, ás 20.00 horas, con «Galerock’n’ Magic», de Mago Teto, unha proposta de 70 minutos que combina maxia, música e comedia, dirixida ao público infantil, familiar e adulto. O espectáculo recibiu o Premio do Público no Festacown 2025.
Entrada de balde
Todas as funcións terán lugar no Auditorio do Centro Cívico de Malpica, con entrada de balde e sen necesidade de reserva previa.
A información sobre a programación poderá consultarse a través dos canais oficiais do Concello. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Educación e Cultura no teléfono 981 707 104, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Con esta nova edición, o Concello de Malpica reafirma o seu compromiso coa programación cultural e coa difusión das artes escénicas, ofrecendo á veciñanza a oportunidade de gozar dunha ampla variedade de espectáculos e de achegarse ao teatro ao longo de varias semanas.

