A iniciativa do Concello ten por finalidade potenciar o seu coñecemento e aproveitamento por parte da veciñanza e das persoas que visitan o municipio mediante a organización de actividades educativas e divulgativas no propio xacemento e no seu entorno.
Para favorecelo, inclúese tamén a creación dunha senda peonil que permitirá mellorar os accesos e a súa conexión tanto coa praza da Areosa que alberga a igrexa de Santiago de Vilaño como co CEIP Otero Pedrayo, xa que a nova infraestrutura enlazará coas beirarrúas da estrada que dirixe ao colexio desde O Pereiro.
A senda discorrerá ao longo de aproximadamente mil metros de lonxitude, alternará as marxes dereita e esquerda segundo as posibilidades que ofreza cada tramo e terá unha anchura media de 1,80 metros. Tamén se instalará a sinalización horizontal e vertical necesaria para garantir a seguridade dos percorridos. A actuación está deseñada como unha intervención de baixo impacto, tendo especialmente en conta o valor patrimonial do contorno e a necesidade de respectar o ámbito de protección dos elementos arqueolóxicos.
A creación desta senda, ademais de integrar o ámbito do castro na vida cotiá da veciñanza, proporcionará un novo espazo agradable para a actividade física, a socialización e o desfrute do entorno patrimonial, o que tamén implicará beneficios para a saúde pública e a redución da contaminación atmosférica.
O proxecto conta cun orzamento de 200.000 euros e será cofinanciado polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do programa de subvencións para o financiamento de proxectos para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento promovidos por entidades locais.
