O Pesca I, de Gardacostas de Galicia, rescata un home de avanzada idade que caeu nunha zona rochosa en Sanxenxo

1 minutes read

Contra as 14:15 horas deste luns, o 112 Galicia foi alertado por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 dun home de avanzada idade que caera nunhas rochas de difícil acceso na zona da praia de Agra, en Dorrón (Sanxenxo). Pouco despois, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias comunicáronse cun familiar do implicado, quen explicou que faltaba da casa e, tras saír na súa procura, acabaron atopándoo caído e cun golpe na cabeza.

De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil e a Policía Local e o Servizo de Emerxencias- GES de Sanxenxo.

Tras valorar a situación desde o lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que era necesaria unha evacuación por aire. Desde Salvamento Marítimo confirmaron a mobilización do helicóptero Pesca I, do Servizo de Gardacostas de Galicia, que se fixo cargo do rescate e do posterior traslado da persoa ata o Hospital Álvaro Cunqueiro.