UCIN Tordoia rexeita unha subida salarial do 46,34 % para o concelleiro de Obras sen aumentar a súa dedicación

1 minutes read
Silvia Gómez, líder de UCIN Tordoia_cedida.

UCIN Tordoia votou en contra da modificación salarial que o Pleno extraordinario do Concello aprobou para o concelleiro delegado de Obras. .

Segundo indica a formación, o acordo eleva a retribución anual do edil de 28.699,86 a 42.000 euros brutos, repartidos en catorce pagas. Isto supón un incremento de 13.300,14 euros, o 46,34 %. A dedicación parcial do concelleiro segue sendo do 90 %.

UCIN sinala que, durante a sesión, o alcalde xustificou a proposta polo aumento da carga de traballo, as responsabilidades do cargo e a dispoñibilidade do concelleiro para atender á veciñanza e sostén que funcións como a atención telefónica, a recepción de demandas veciñais, a coordinación do persoal de Obras ou a resposta a incidencias xa as viña desempeñando o edil.

A mesma dedicación e falta de explicacións

«Non cuestionamos que o cargo implique responsabilidades nin dispoñibilidade. O que cuestionamos é que se aprobe unha subida salarial do 46,34 % mantendo exactamente a mesma dedicación», Silvia Gómez, lider da formación en Tordoia.

UCIN defende administrar os recursos públicos con prudencia e transparencia, e sostén que o debate non se limita a se a medida se axusta á legalidade, senón que inclúe se está motivada e resulta proporcionada. Por iso reclama información clara sobre os acordos que afectan aos fondos municipais e afirma que a veciñanza ten dereito a saber en que se gasta o diñeiro público.

Tamén lembra que moitas familias axustan os seus orzamentos para afrontar gastos de vivenda, alimentación e recibos e, ao seu xuízo, unha decisión así merece, cando menos, unha reflexión. «A transparencia non debería ser unha opción, senón unha obriga de quen goberna», conclúe Silvia Gómez, líder de UCIN Tordoia.