O 112 Galicia xestionou máis de 900 incidencias e recibíu preto de 3.000 chamadas polo apagón

2 minutes read

Desde a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA), o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia rexistrou un total de 2.899 chamadas e coordinou a xestión de 931 incidencias en todo o territorio galego.

Entre as incidencias máis salientables rexistradas na xornada do día anterior, destacan numerosos avisos por persoas retidas en ascensores, consecuencia directa do corte xeneralizado na subministración eléctrica que afectou á nosa comunidade.

Na xornada de hoxe, cómpre salientar o falecemento de tres persoas no concello de Taboadela. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 12:20 horas, a través dun aviso da Garda Civil que solicitaba medios para acceder a unha vivenda na estrada OU-320, ao fío do punto quilométrico 17, ao non obter resposta de tres persoas de idade avanzada e con necesidades especiais. Desde o centro de emerxencias activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de San Cibrao das Viñas, os membros do GES de Pereiro de Aguiar e o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Unha vez no interior do inmoble, os efectivos detectaron a presenza dun xerador que lle prestaran debido a que unha das vítimas necesitaba unha máquina de osíxeno, confirmaron o falecemento das tres persoas e detectouse unha elevada concentración de monóxido de carbono no ambiente

Así mesmo, notificouse o falecemento e tres persoas; unha en Dumbría de 86 anos, outra en Ferrol de 59 e unha en Betanzos de 81.

Tamén na xornada deste martes, dúas persoas foron evacuadas por posible intoxicación en Rianxo. O aviso foi recibido no 112 Galicia ás 11:10 horas, a través dun particular que solicitaba asistencia sanitaria para unha muller que presentaba mareos e que refería un forte cheiro a gasolina no interior dunha vivenda situada na Rúa Cartomil, na parroquia de Taragoña. Activouse un operativo no que participaron os Bombeiros de Boiro, os axentes da Garda Civil e da Policía Local, os efectivos de Protección Civil e o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que procedeu ao traslado das dúas persoas afectadas ao centro hospitalario de referencia con síntomas compatibles cunha intoxicación por monóxido de carbono.