A Laracha dará a benvida ao Nadal o vindeiro sábado, día 5 de decembro, co tradicional acendido da iluminación ás 18:30 horas na Praza do Concello. Este acto marcará o inicio dunha programación municipal que se desenvolverá ata o 5 de xaneiro e que incluirá actividades culturais, espectáculos familiares, propostas de lecer para a infancia e a mocidade e iniciativas de apoio ao comercio de proximidade. O cartel foi presentado polo alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello.
As propostas culturais para todos os públicos comezarán o 17 de decembro coa estrea da obra Sanxenxo, da compañía Ainé, dirixida ao público adulto, ás 20:00 horas na Casa da Cultura.
Os eventos para o público infantil e familiar concentraranse durante as datas das vacacións escolares. O 22 de decembro ás 17:30 horas na Casa da Cultura está programado 4 monos, espectáculo de teatro e música da Tropa de Trapo recomendado para maiores de 3 anos.
Ao día seguinte, o 23 de decembro, Papá Noel visitará a Praza do Concello en horario de mañá (de 11:30 a 13:30 horas) e de tarde (de 17:00 a 20:30 horas). Esa mesma xornada, o Centro Sociocultural de Paiosaco acollerá desde as 17:30 horas UP2down, unha proposta de danza e circo da compañía Pistacatro.
O 28 de decembro nova oferta teatral con Procúrase Pepa a Loba, de Cristina Collazo, ás 12:00 horas na Casa da Cultura e recomendada para maiores de 4 anos. Para a seguinte xornada, o día 29, queda o Inverno na lavandería, de K’Paparota e Danthea Teatro, ás 17:30 horas no Centro Sociocomunitario de Caión, neste caso para público a partir dos 3 anos.
Os días 28 e 29 de decembro desenvolverase o obradoiro O Nadal que construímos, unha actividade de decoración de Nadal en madeira destinada a diferentes grupos de idade, desde os 3 ata os 11 anos, con quendas de mañá e tarde.
A mocidade de entre 12 e 18 anos terá a oportunidade de participar o 30 de decembro nunha saída a Spark81, un espazo de xogos arcade inmersivos con diferentes salas interactivas para desfrutar en equipo. A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 13:30 horas, con saída cara A Coruña desde a praza Les Sables d’Olonne.
Esa mesma tarde, de 17:00 a 20:00 horas, o pavillón do IES Agra de Leborís converterase nun espazo de lecer con xogos xigantes -futbolín, tres en raia, memory, parchís e twister, entre outros- e unha área baby específica para nenos de entre 18 meses e 3 anos.
As actividades do programa que requiren inscrición previa, cun custe de 5 euros, son o obradoiro de decoración en madeira e a saída a Spark81. O prazo abrirase o 15 de decembro e as solicitudes poderán tramitarse en liña a través da web actividades.alaracha.gal ou presencialmente na Casa da Cultura. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio.
A programación culminará coa tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá as trece parroquias do termo municipal os días 4 e 5 de xaneiro. O martes 5, a partir das 17:00 horas, celebrarase tamén unha festa no pavillón do IES Agra de Leborís para agardar polas Súas Maxestades
Festival de teatro
Como é tradicional neste programa, o Concello aproveitará os días previos ás vacacións escolares para convidar a todo o alumnado de Infantil e Primaria a presenciar o espectáculo teatral Bibopalula, da compañía Ainé. Esta proposta pretende achegar ao nenos ao mundo das artes escénicas cun espectáculo atractivo para eles polos seus estímulos visuais e sonoros.
O venres 11, luns 14 e martes 15 de decembro ás 10:00 e 12:00 horas, en horario lectivo, realizaranse os seis pases na Casa da Cultura da Laracha para os nenos que estudan nos CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión.
Concursos de Nadal e apoio ao comercio local
O programa complétase cos catro concursos habituais destas datas: postais, panxoliñas, escaparates e decoración de vivendas unifamiliares. Son iniciativas que buscan implicar ao alumnado dos centros educativos, ás asociacións culturais, ao comercio local e á veciñanza, contribuíndo a crear ambiente de Nadal en todo o municipio.
Tamén regresa a campaña Agasalla comercio local, ten premio, coa que o Concello busca incentivar as compras nos establecementos de proximidade, apoiar a actividade económica e premiar a fidelidade da clientela. A partir do 5 de decembro entregaranse as tarxetas rasca e gaña nos 41 establecementos adheridos por compras a partir dos 10 euros.
Programa Harmoniza: conciliación durante as vacacións escolares
Ademais, durante estas datas funcionará o Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha, de luns a venres -agás festivos- de 7:00 a 14:15 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Vai destinado a nenos de entre 3 e 12 anos co propósito de facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante as vacacións escolares. O prazo para solicitar praza permanecerá aberto ata o 14 de decembro.
