O Concello de Ponteceso remata as obras de mellora das infraestruturas do polígono industrial de Tella

1 minutes read

Estas obras leváronse a cabo co obxectivo de ofrecer mellores servizos e infraestruturas ás empresas instaladas nel e favorecer a actividade económica e o desenvolvemento do tecido empresarial do municipio.

O Concello levou a cabo esta actuación, de mellora de recollida de pluviais, sistemas viarios e accesos as naves, tras acadar unha achega da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial por importe de 91.375 euros, que lle permitiu actuar sobre o sistema viario e as beirarrúas, así como corrixir deficiencias na rede de pluviais do parque empresarial.

O alcalde, José Manuel Mato, lembra que esta achega foi froito das reunións coa Consellería de Industria para analizar a situación do polígono e coñecer as diferentes liñas de axuda destinadas á mellora dos parques empresariais.

Segundo o alcalde, estas actuacións de mellora, acondicionamento e dotación de infraestruturas permitirán dar resposta a problemas do parque industrial que levaban anos pendentes de solución.

“O Concello mantén entre as súas prioridades a potenciación deste espazo industrial, mellorar as condicións das empresas que xa desenvolven aquí a súa actividade e, ao mesmo tempo, facer do polígono un lugar máis atractivo para a implantación de novas iniciativas que contribúan a fortalecer o noso tecido produtivo”, explicou.

Esta intervención súmase á mellora da infraestrutura eléctrica que se está a executar actualmente no mesmo parque industrial e que se atopa xa nunha fase moi avanzada, completando así unha nova actuación destinada á modernización das infraestruturas do polígono industrial de Tella.